primeiro resto humano do Paleolítico,podería ter 17.000 anos de antigüidade
REDACCIÓN SANTIAGO | 14.23h.
As escavacións na Cova de Valdavara en Becerreá acaban de ser o escenario do achado dun dente infantil de aproximadamente 17.000 anos de antigüidade, o que constitúe o fósil humano máis antigo descuberto ata o momento en Galicia. Concretamente, é un molar de leite cun grao de desgaste moi avanzado e pertencente a un individuo de aproximadamente 10 anos de idade. Convértese no primeiro resto humano do Paleolítico atopado na comunidade galega, concretamente no marco do proxecto de investigación conxunto que desenvolven a Universidade de Santiago e o Instituto Universitario da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona (IPHES) e que coordina o catedrático da USC Ramón Fábregas. Estas escavacións contan ademais co apoio do Concello de Becerreá e están baixo a dirección de Manuel Vaquero e Susana Alonso.
“O dente de Valdavara sería como mínimo 7.000 anos máis antigo que os que ata agora ocupaban esta categoría en Galicia, uns restos atopados na Serra do Courel e datados en torno a 10.000 anos antes do presente”, puntualiza Manuel Vaquero, investigador do IPHES e director das excavacións en Valdavara. Segundo as datacións de que se dispoñen actualmente, realizadas polo método de Carbono 14, o dente atopado tería unha cronoloxía de máis de 17.000 anos antes do presente, aínda que non se descarta que poida ser algo máis antigo. “Este mesmo ano tense previsto realizar novas datacións que permitirán establecer con máis precisión a antigüidade do fósil”, explicou Manuel Vaquero.
A peza púxose ao descuberto durante a escavación arqueolóxica do ano pasado, pero o achado non se fixo público ata agora por estar pendentes algunhas análises científicas. Apareceu na base do nivel 4 que corresponde culturalmente ao Magdaleniense antigo e no que ademais se ten recuperado un rico conxunto arqueolóxico, integrado por numerosas ferramentas elaboradas con sílex e óso, así como elementos de adorno persoal, tales como unha serie de conchas de Dentalium utilizadas como contas de colar.
Valdavara
As escavacións forman parte do proxecto de investigación ‘ Ocupacións humanas durante o Plistoceno na conca media do Miño’ que dirixe o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC (GEPN) coa colaboración do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Integran este proxecto, ademais da Cova de Valdavara, varias intervencións arqueolóxicas realizadas entre 2006 e 2009 como as realizadas na Depresión de Monforte, na Cova Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel).
Ao pé das primeiras estribacións das Serras Orientais de Galicia a unha altitude de 600 metros sobre o nivel do mar, dende o punto de vista xeolóxico a Cova de Valdavara se localiza no Dominio do Manto de Mondoñedo, formando parte da zona Asturoccidental-leonesa do Macizo Ibérico. Son formacións paleozoicas nas que predominan as rocas areosas e pizarrosas, se ben hai que destacar a existencia de formacións calcáreas, como as Calizas de Vegadeo, nas que se empraza esta cavidade.
A Cova de Valdavara sitúase á marxe dereita do río Cruzul, un dos afluentes do río Navia. É unha pequena cavidade aberta cara o Noroeste, a uns 120 metros de altura con respecto á canle actual do río. A poucos metros por debaixo da entrada da cova, se abre unha pequena fisura na roca que parecía corresponder a unha segunda entrada ao sistema kárstico case totalmente colmatada. No noiro que se estendía ao pé desta fisura se atoparon algúns restos arqueolóxicos en superficie o que, en opinión dos investigadores, suxería a posible presenza de restos arqueolóxicos neste segundo depósito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario